O asilo de anciáns, situado no número 1 da rúa Adelaida Muro, ten a súa orixe nun acto de filantropía:
Foi custeado por un grupo de coruñeses, entre os que destacaba Adelaida Muro Barbeito quen doóu toda a súa fortuna ás Hermanitas de los Ancianos Desamparados, que tiveron o seu primeiro asilo na rúa Sinagoga.
O edificio actual foi levantado entre 1888 e 1897 polo arquitecto municipal Juan de Ciórraga quen doóu os terreos xunto con outros coruñeses, ademàis de realizar de balde o deseño dos planos do edificio e o traballo de dirección das obras.
O arquitecto Juan de Ciórraga é tamén un dos autores do Primeiro Ensanche da cidade da Coruña, e está considerado como o introductor das galerías acristaladas na nosa cidade, sendo as da fachada posterior do asilo o mellor exemplo existente no barrio de Monte Alto.
Coa aprobación do novo Plano Xeral de Ordenación Municipal, o edificio do asilo deixóu de figurar no catálogo de edificios de interese histórico-artístico, perdendo a protección da que disfrutaba. Ademais, a parcela onde se ubica terá uso residencial, facilitando así a pronta desaparición do edificio e o traslado da institución á zona de Eirís.
No anterior catálogo, na ficha número 124, o edificio do asilo tiña recoñecidas, no apartado relativo ó interese de carácter arquitectónico, "cualidades artísticas, constructivas y de diseño". Tamén se mencionaba o interese de carácter urbano do edificio, que "al ser de gran tamaño y fachada singular caracteriza visualmente la zona". Sobre todo, salientábanse coas máximas cualificacións o interese de carácter físico ("edificio en buen estado de conservación") e mai-lo interese funcional ("edificio en pleno uso, adaptado perfectamente al mismo y a su función específica").
Tamén se facía unha breve relación de caracteres singulares: "Edificio de gran amplitud; bien orientado; tiene huerta y jardín amurallado y en el centro del Asilo está la Capilla Gótica de este establecimiento."
O edificio do asilo ten, indiscutiblemente, valores arquitectónicos, e non sería difícil a súa restauración ou restitución, podendo incluso admitir, debido ás súas características e as dos terreos que o rodean, obras de mellora e ampliación que o fixesen aínda máis axeitado para a atención dos maiores.
Entendemos que as consecuencias da desaparición do Asilo son malas para o barrio de Monte Alto, e para a cidade da Coruña, non somentes pola irreparable perda de património histórico que supón a desaparición do edificio, senon tamén, e sobre todo, porque se nos vai privar dunha dotación socialmente útil, que está a prestar uns servicios ós anciáns máis necesitados, e que está localizada no corazón do Barrio e da Cidade, sendo por esto facilmente accesible para calquera.
Cremos que o traslado do Asilo non resposta a un proceso de descoberta e atención dos requerimentos sociais máis urxentes, xa que o que obtemos en troques son máis vivendas de alto custo que, se ben poden traer como consecuencia certa revalorización (económica) local, non son unha necesidade prioritaria nesta área. De feito xa hai operacións realizadas, e estanse a construir outras promocións de vivendas de luxo, nesta rúa de Adelaida Muro.
Que unha localización sexa "apetecible" non é razón abondo para autoriza-la construcción de vivendas.
A cantidade de residencia que un solo pode soportar debe gardar unha relación coa dispoñibilidade de zonas verdes, e coas características das rúas e espacios públicos que rodean e serven a cada zona, co fin de garanti-las mellores condicións ambientais posibles prá poboación. A vivenda, os parques, as prazas e as rúas, as diferentes dotacións e servicios, os edificios institucionais, etc. configuran os lugares onde desenvolvemos a nosa actividade vital, constitúen o noso medio ambente e teñen unha influencia inmediata na calidade de vida de quen habita nelas.
O contexto urbano no que se atopa o asilo padece unha progresiva e intensa densificación nun entorno no que os espacios públicos axardinados seguen a ser un ben escaso.
Na rúa Adelaida Muro o Plan Xeral provée edificabilidade dabondo para uso residencial. Por iso pensamos que non se pode xustificar, nin social nin eticamente, a substitución do asilo, que esta levantado sobre duns terreos que podemos considerar moralmente como de titularidade pública, por novos edificios residenciais privados.
Algúns habitantes (sofridores) da cidade sentímonos estafados, vendo que estamos diante dunha operación desastrosa que destrúe parte do patrimonio e da historia da cidade da Coruña, priva a un barrio dunha dotación de grande utilidade social e contribúe a agravar as carencias urbanísticas existentes na zona.
A operación é tipicamente conservadora no relativo á rendabilización lucrativa do solo, pero vergoñentamente estragadora do espacio e dos valores públicos.
Dito doutro xeito:
Pode que o negocio estea claro, pero o beneficio non.
Colectivo R.U.A. de Recuperación Urbana e Ambiental.
- Xornadas negras ante o derrubo inminente do asilo.
- Os coruñeses mobilízanse en defensa do asilo de anciáns.
- Carta aberta a Don Francisco Vázquez e Sor Marina Casero.
- Adelaida Muro notas biográficas.
- Juan de Ciórraga notas biográficas.
- Poboación maior de 65 anos na Coruña.
- Poboación no barrio de Atochas-Monte Alto.
- Aproveitamentos lucrativos no solar do asilo.
- Defensa do asilo no pregón das festas de Monte Alto.
- MÁIS INFORMACIÓN na páxina de SOS Monuments.
- Escritura de fundación do Patroato Adelaida Muro.